Wednesday 15 de May de 2024

Expertos sinalan un futuro prometedor para a mobilidade sostible na xornada organizada polo INEGA na Feira da Enerxía de Galicia


EN 2020 UNS 120.000 VEHÍCULOS ELÉCTRICOS PUROS, ENCHUFABLES E HÍBRIDOS CIRCULARÁN EN ESPAÑA

O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) celebrou unha xornada sobre mobilidade sostible no marco da I Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebra ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Este encontro foi moderado por Emérito Freire Sambade, director de Enerxía e Planificación Enerxética do INEGA, quen sinalou que o transporte é o principal sector consumidor de enerxía de Galicia, representado por preto do 40% do consumo enerxético total, superando considerablemente á suma dos sectores residencial e servizos, ao tempo que indicou que é un sector cunha dependencia case total do petróleo e das importacións. Por elo, destacou que dende o INEGA se está a fomentar a adquisición de vehículos que empreguen produtos enerxéticos diferentes do gasóleo e a gasolina co obxectivo de contribuír á diversificación enerxética e reducir a dependencia do petróleo.

Así mesmo subliñou que o aforro enerxético e o uso racional da enerxía son obxectivos prioritarios para a Xunta de Galicia, polo que esta vai a continuar desenvolvendo políticas activas de eficiencia enerxética no sector do transporte.

Durante a xornada os expertos participante sinalaron un futuro prometedor para a mobilidade sostible, ao tempo que se deu a coñecer que en 2020 en España circularán uns 120.000 vehículos eficientes, nos cales se incluirían os eléctricos puros, enchufables e híbridos.

No marco deste encontro as conferencia abordaron a mobilidade eléctrica como elemento clave da estratexia de vehículos alternativos en España, analizada por Juan Luis Plá de la Rosa, vicepresidente da Asociación Empresarial para el Desarrollo e Impulso del Vehículo Eléctrico (AEDIVE); a mobilidade con hidróxeno, sendo o investigador principal da Área de Mobilidade de Energylab o encargado de expoñer neste sentido un proxecto demostrativo de buque híbrido; e o gas natural como outra solución sostible e económica, de man de José M. Domínguez, responsable de prescripción de Gas Natural Distribución.

Ademais, Carlos Bergera, responsable de Movilidad Verde de Iberdrola falou das vantaxes e oportunidades do vehículo eléctrico; David Fernández de Heredia, xerente de AutoGas de Repsol fíxoo dos vehículos de autogas, e Manuel Lage, secretario xeral da Asociación Ibérica de Gas Natural para la Movilidad (Gasnam) dos vehículos de gas natural.